Coidados para un mundo global: todxs camiñamos pola mesma senda

 Este proxecto é a continuación natural da nosa "Senda da Convivencia", que se iniciaba co grupo de mediación escolar hai anos. Actualmente, e na procura do coñecemento e recoñecemento do mundo global que nos rodea, traballamos en diferentes actividades integradas nese gran reto común. Móvenos dar valor ás persoas e ás relacións interpersoais, procurando sempre promover valores como a empatía, o sentido crítico e a ausenza de prexuízos, entre outros. Seguimos a formarnos como comunidade en tres niveis concéntricos de acción: o propio instituto, a bisbarra de viana e o mundo máis alá desta. Cremos firmemente na preparación do alumndo non só para adaptarse ao mundo que o rodea e ás situacións cambiantes, senón tamén para liderar transformacións que fagan da sociedade un lugar máis acolledor para as persoas.

 A finalidade ou obxectivo xeral deste proxecto é dar ao noso alumnado a oportunidade de axudar a crear un mundo global aberto e respectuoso para as persoas e a súa contorna, promovendo relacións saudables entre as persoas e atendendo ao valor da diversidade como esencia do ser humano. Neste sentido, e tendo en conta que procedemos dunha comunidade relativamente illada na alta montaña ourensá, dános vida o feito de crear e manter vínculos con outros centros e institucións educativas é vento fresco para respirar a diario e sentirse partícipes dun proxecto de cidadanía global. Consideramos un reto tanto a conexión física coma a emocional, e no camiño somos conscientes do crecemento persoal propulsado por estes dous factores.

  Debido ao illamento do noso centro, enfocamos a apertura ao mundo en tres niveis concéntricos. No primeiro, formamos alumnado, docentes e familias para conseguir un clima de convivencia óptimo no centro. Damos, polo tanto, valor ao diálogo como vía de resolución pacífica de conflicos. No segundo nivel, contamos con servizos de voluntariado propios e traballamos conxuntamente con entidades locais para garantir unha interacción positiva coa contorna. Somos entidade galega de voluntariado, contando con servizos na xestión da Biblioteca Escolar, para Eventos Deportivos e Novas Tecnoloxías. Son fundamentais as accións co CIM Viana (en aspectos feministas e na  erradicación do machismo), coas asociacións culturais Robreda e Fulións Rurais (o Entroido en Viana é fonte de relacións entre persoas) e con outras entidades que nos permiten o achegamento á vida da bisbarra: Cruz Vermella, Garda Civil, CEIP Bibei... Finalmente, no terceiro nivel, colaboramos con diferentes entidades para efectuar a apertura real ao mundo que nos rodea. Neste senso, anotamos o proxecto de educación para o desenvolvemento #epdlab  (ONG Agareso, xa oitavo ano de andadura), a Escola de Mediación Escolar Xesús R. Jares (formación de alumnado en España e Latinoamérica, UNESCO...), a Rede Educativa de Apoio LGBTIQ+ de Galicia (formamos parte dela, temos un grupo de apoio LGBTIQ+ no IES), a Fundación Botín (proxecto Educación Responsable) e a propia Consellería (Quérote+, 365días, CPInclúe, CPInnova…)

 Este é un proxecto que implica a toda a comunidade educativa e outras organizacións e institucións.
Indicadores de avaliación:
1. A formación en mediación escolar implica case ao 50% da comunidade.
2. Dende hai 8 anos, e sempre en 2º da ESO, o alumnado traballa a educación para o desenvolvemento a través do proxecto #epdlab, polo que case todo o centro coñece e interacciona cos retos da ECG.
3. O alumnado demanda nos recreos a presenza das lectoras en inglés (India e USA)
4. O número de incidentes sancionables nas aulas reflectidos mediante informe non chega a dez en todo o ano, e sempre leves.
Consideramos como aspectos de mellora os seguintes:
1. A revitalización do proxecto de irmanamento coa UE Timoteo Rondales (Bolivia), algo afastado do alumnado máis novo.
2. A revisión dos eidos de voluntariado que ofertamos, detectando necesidades na bisbarra, especialmente en poboación maior das aldeas.
3. Mobilidade de alumnado a países cos que mantemos vínculos laborais: Bolivia, Colombia.